Friday 17 de May de 2024

Fabiola García salienta que a conversión do Módulo “Nelson Mandela” en mixto incide na convivencia en igualdade entre homes e mulleres


 ― Aos 38 internos que atendía anteriormente súmanse 11 mulleres, ata chegar a un total de 49

― Esta iniciativa, posta en marcha no ano 2008, permite ampliar as habilidades persoais e profesionais e permitirlles a súa integración na vida en liberdade

― O programa permitiu a reinserción de 1500 internos entre este centro e a prisión da Lama, en Pontevedra

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá o centro penitenciario de Teixeiro durante a reinauguración do módulo do Nelson Mandela e a súa conversión en mixto, co que se busca “incidir nun dos aspectos máis importantes dunha vida en común como é a convivencia en igualdade entre homes e mulleres”. Este programa, posto en marcha pola Xunta de Galicia no ano 2008, permite ampliar as habilidades persoais e profesionais dos internos e deseñar un itinerario personalizado para a súa reinserción na vida en liberdade.

O módulo Nelson Mandela de Teixeiro foi o primeiro en poñerse en marcha nos cárceres galegos. Na actualidade atendía a 38 homes internos e con esta nova modalidade incorporará, ademais, a 11 mulleres, ata chegar a un total de 49 persoas.

Esta proposta de módulo mixto foi impulsada primeiro no centro da Lama, en Pontevedra, con moi bos resultados. En total, durante estes 12 anos, o programa axudou á reinserción de 1.500 internos en Galicia. Fabiola García aproveitou o acto para agradecer a colaboración e boa disposición de Instituciones Penitenciarias, que foron fundamentais para poder levar a cabo este proxecto.

Amplamente galardoado
O programa Nelson Mandela foi amplamente recoñecido e galardoado ao longo deste tempo. No ano 2010, Instituciones Penitenciarias outorgoulle a Medalla de Prata ao Mérito Social Penitenciario; no 2011 recibiu a visita do entón comisario de Asuntos Sociais da Unión Europea, Lázlo Andor; e no 2019 foi galardoado en Bruxelas co Premio Europeo de Servizos Sociais.